A colección museográfica
Descrición do conxunto de pezas
As coleccións están formadas polas pezas recuperadas nas escavacións arqueolóxicas autorizadas do Castro das Travesas nas campañas de 2007 e 2008, dentro do programa de posta en valor promovido polo Concello de Carral.
Esta sistematización ten permitido coñecer con detalle a composición da colección e detectar varios aspectos relevantes:
A presenza de metalurxia preromana e romana
No antecastro localizáronse pedras moi alteradas por mor de altísimas temperaturas xunto a escoiras de ferro. Estas pedras formaron parte dun forno de fundición que foi desmantelado posteriormente. Estes restos revelan unha actividade tecnoloxicamente complexa, a metalurxia, que excede á simple ferraría, e que cadraría co papel central deste castro nun amplo territorio. Así mesmo, o emprazamento do forno fóra da croa resulta coherente coa necesidade de separar unha actividade moi contaminante da área de residencia.
Cerámica característica do primeiro momento de ocupación do castro (século IV a.C.).
Está representada por cerámica de gran sección, con tendencia á disgregación por falta de mellor depuración e cocción. Polo xeral a pasta é escura e rugosa. A decoración escasa, limitándose a motivos incisos lineais e algúns ondulados.
Cambios tecnolóxicos na produción cerámica común nun segundo momento, asociada a obras de reforma do século II-I a.C.
Na cerámica cotiá perduran as formas antigas, pero son de factura máis depurada (menor sección, mellor cocción…). Constitúen un grupo cerámico “minimalista”, sacrificando a decoración por un bo acabado.
Ao segundo momento corresponde o depósito votivo que está composto por:
- Un cacharro de barro de factura insólita que podemos considerar unha xoia, pola calidade da pasta, a composición globular e a decoración con motivos de cordas e alusións a remaches metálicos.
- Varios cacharros de cerámica enteiros, cuxa gradación de tamaño ten un valor simbólico.
- Unha fibela de bronce de gran finura.
- Unha doa de vidro, trátase dunha importación púnica do Mediterráneo.
Presenza romana continua até en momentos da tardo-antigüidade.
Reaprovéitanse as tégulas (tellas romanas de gran tamaño), recortadas de tamaños similares para formar parte do pavimento na entrada ao antecastro. Aparecen cerámicas características, representadas pola “terra sigillata” (vaixela especial), que mostra unha gran perduración. Chama a atención un grafito coa inscrición dun “N”, de boa caligrafía, nunha cerámica.
O anel
Na escavación de 2007 apareceu un pequeno tesouriño tardo-romano. Estaba formado por un conxunto de moedas tardías e unha xoia, todo depositado nunha saquiña de coiro que foi ocultada no muro do acceso á croa.
A xoia é un anel de ouro con filigranas en espiral e un vidro engastado. Algo lindo e acaído no contexto dun tesouriño. Inicialmente as filigranas fixéronnos pensar nunha orixe local.
Mais novos achados en Gran Bretaña obrigounos a reconsiderar aquela interpretación. O tipo de filigranas correspondíase con moita da ourivesaría anglo-saxoa; ademais coincidía o engaste de vidro azul. Non tiñamos dúbidas. A cronoloxía tamén resultaba coherente: entre as moedas había unha do emperador Valentiniano III (424-455), de cando Britannia xa fora desocupada polos romanos.
Así a fin da historia da relación de Britannia coa comarca da Coruña, que comezara coa construción da Torre, vai poder verse nas Travesas. Nos últimos momentos aínda existe certa ligazón que se visualiza neste anel.
As moedas
O tesouriño tardo-romano que fora oculto nun muro da entrada á croa en tempos de inseguridade na época final romana, contiña un grupo numeroso de moedas. Os obxectos dan conta das relacións con lugares moi distantes que tan só son posibles pola posición estratéxica das Travesas.
Entre estas moedas apareceu o anel que mostra grandes similitudes con pezas da Britania de época romana e posteriormente saxona.
A procedencia das diferentes moedas (segundo as súas cecas) indica relacións con toda Europa: Xermania, A Galia, Italia e mesmo os Balcáns e Grecia. Isto insiste na boa posición na rede viaria e, concretamente, alude ao que serán pasado o tempo parte dos Camiños de Santiago que proceden de Europa.