O Castro das Travesas
Historia
Os momentos iniciais do castro
Os restos arqueolóxicos sitúan o inicio do castro, entorno ao século IV a.C., aínda que que existe algún material que suxire datas máis antigas.
O segundo momento
Neste momento inicial as edificacións foron construídas co sistema de pallabarro: postes de madeira chantados en furados. Os muros foron realizados cun entrenzado vexetal e recubertas por barro. Este tipo de edificación aparece na croa, no antecastro e nunha gran plataforma lateral, polo cal pensamos que o castro nos inicios debeu ter unha superficie superior ás 3.5 hectáreas.
Entorno aos séculos III-II a.C. prodúcense reformas de ampliación no castro. Na zona do aceso ao antecastro prodúcese o reenchido do antigo foxo para evitar a súa inundación e risco de derrube da muralla.
Non so se tratou dunha obra práctica, senón que estivo rodada de gran simbolismo. Baixo 2 metros de entullo foron enterrados obxectos novos de gran valor moi ben conservados. Estes foron colocados intencionadamente a modo de depósito votivo. Para sinalar o lugar foi colocado un “muro estela” tamén enterrado.
A época romana
Hai que considerar que o emperador Augusto remata a conquista de Hispania a principios do século I d.C.. A vida no castro continúa en época romana, ligado á posición estratéxica nas vías de comunicación. Introdúcense novos materiais e novas técnicas construtivas, que se asimilan con normalidade, de tal xeito que cando rompen ou fican gastos tíranse ao lixo, como calquera outro obxecto ordinario. A longa duración da época romana está amplamente documentada por medio de materiais de construción, cerámicas de luxo e un tesouriño composto por máis de 150 moedas dos séculos II ao V (d.C), entre as cales apareceu un anel.
Características
O emprazamento
O Castro das Travesas é moi interesante polo seu bo estado de conservación (moi completo), polas grandes dimensións e a súa complexidade (ten moitos recintos).
É un asentamento fortificado que ocupa unha superficie de entre 6 a 12 ha. Está emprazado sobre unha chaira, nunha zona de contacto entre dúas áreas xeográficas: as chairas altas e as comarcas costeiras. O castro busca tan só a vantaxe defensiva da pequena pendente do val do río Abelleira no sector Oeste. Polas súas dimensións e morfoloxía, temos que consideralo como un oppida (algo máis que unha aldea grande).
A presenza deste destacable xacemento está claramente relacionado co contexto viario. As Travesas foi de antigo unha importante encrucillada: confluían os tránsitos desde As Mariñas e A Coruña para o interior. Polas proximidades pasaba a vía romana XX (Per Loca Marítima).
En 2011 puidemos constatar a existencia dunha calzada de clara factura romana, ao carón do Camiño Inglés de Santiago, que constitúe un desvío desde a Vía XX para o castro das Travesas.
A estruturación do castro
O castro consta dun recinto principal ou croa rodeado por outros recintos. Cada un destes espazos está configurado por sistema defensivo que consta de muralla e foxo.
As murallas poden alcanzar 3 e 4 metros de altura e os foxos foron escavados na rocha, podendo ter 2 e 3 metros de profundidade.
O acceso contou con tres entradas monumentais, das que foron parcialmente escavadas dúas. Existe un camiño ou vía principal (sen escavar) que une as entradas cun trazado sinuoso.
A amplitude dalgún foxo puído ter permitido seu uso como corredor interno para acceder ás plataformas laterais. En tempos recentes tiveron esa utilidade.
A pesar de estar emprazado o castro nunha chaira, a entrada orixinal estaba orientada a unha ladeira, quizais para mellorar a protección dificultando o paso.
Escavacións
- En 2006 o Concello de Carral inicia a limpeza do castro polo bo estado de conservación e a significativa relación co Camiño de Santiago. Aínda que inicialmente considerábase unha extensión de 3.5 hectáreas, a limpeza puxo de manifesto 6 ha. Na actualidade consideramos que pode alcanzar as 12 hectáreas. Estes inicios deron grandes sorpresas, porque diante da Eira dos Mouros (croa, o recinto central) aparecía un antecastro de maior tamaño que a croa. O novo recinto non era un reforzo defensivo ou un simple espazo anexo, senón un antecastro. Coa limpeza rematada vimos a grande complexidade en recintos e dimensións do castro. As escavacións arqueolóxicas centráronse nas entradas monumentais da croa e do antecastro, unha porcentaxe moi pequena da superficie total do castro, pero que teñen achegado grandes resultados.
- Na campaña de 2007 escavouse parcialmente o aceso á croa, testouse o seu interior, unha das plataformas laterais e o foxo do antecastro. A intervención testou unha superficie global de 400 m², que desvelou a complexidade do sistema de acceso, informou sobre a ocupación antiga da case totalidade do castro e achegou materiais significativos.
- Na campaña de 2008 escavouse parcialmente o acceso ao antecastro e un sector do foxo anexo. A intervención desenvolveuse sobre unha superficie de 580 m² que permitiu verificar o comportamento desta zona, aportar relevantes datos cronolóxicos e interesantísimos materiais.